O mércores
15 de Maio terá lugar na Escola Técnica Superior de Aquitectura da
Universidade da Coruña o Obradoiro
de Caixas Niño para Morcegos organizado
pola Oficina de Medio Ambiente (OMA) coa colaboración da asociación ecoloxista
ADEGA.
A xornada
comezará ás 16:30 da tarde cunha pequena charla informativa a cargo de Roberto
Hermida da Asociación DROSERA e á continuación
terá lugar o obradoiro no Taller de Maquetas da ETS de Arquitectura. Unha vez
feitas as caixas procederemos a penduralas nas árbores do campus. Posteriormente
encargarémonos do seguemento das mesmas.
A ”Asociación Drosera para o Estudo e Conservación do Medio Natural”
naceu coa teima de traballar desde unha perspectiva integradora na conservación
do medio natural galego. O enorme descoñecemento dos morcegos existente aínda
hoxe en Galiza, a súa importancia na dinámica dos ecosistemas e a
vulnerabilidade das súas poboacións, levounos a amosar unha especial debilidade
por este grupo faunístico. Froito deste interese xurdiu “Morcegos de Galicia”, o programa que aglutina todas as
iniciativas de investigación, conservación, divulgación e sensibilización que
realizan desde Drosera.
Ata o
momento constatouse en Galiza presenza de 23 especies diferentes de morcegos.
Para eles o refuxio é fundamental. Nel non só descansan durante o día, senón
que teñen lugar os partos, a lactancia, o coidado das crías ou a hibernación.
Un xeito cotiá de construír refuxios para morcegos é mediante caixas-refuxio
feitas con táboas de madeira e ferramentas habituais que teñamos na casa, para
que resistan ben a intemperie e teñan unha boa inercia térmica e regulen a
humidade interior.
0 comentarios:
Publicar un comentario